Marta Abal reclama que a convocatoria se publique a principios de ano, ampliar os prazos e anticipar o 100% das axudas para evitar que as entidades teñan que adiantar os cartos.
As e os socialistas critican que a dotación económica se reducise este ano pese ao aumento dos prezos e propoñen incrementala e permitir tamén a compra de pequeno equipamento.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal anunciou que levará ao Pleno deste mes unha proposta para mellorar e simplificar as axudas ás asociacións veciñais, co obxectivo de corrixir os atrasos na convocatoria, reducir a burocracia e facilitar o traballo dunhas entidades que desenvolven un papel fundamental na dinamización dos barrios da cidade.
Abal criticou que “a convocatoria deste ano acaba de aprobarse, con moito retraso”, a pesar de que as asociacións “levan traballando e organizando actividades desde principios de ano”, unha situación que, segundo advertiu, “non pode volver a repetirse” e que evidencia a necesidade de adaptar os tempos administrativos á actividade real das entidades.
Para evitar que estes atrasos se repitan, a socialista explicou que levarán ao Pleno “catro cuestións moi concretas”, comezando por que “a convocatoria saia a principios de ano” e por que “se amplíen os prazos de solicitude e de xustificación”, de maneira que as asociacións conten con máis tempo e maior previsión para tramitar as subvencións.
A proposta inclúe tamén “que se anticipe o 100% da axuda”, evitando así que sexan as propias asociacións as que “teñan que adiantar os cartos” para desenvolver as súas actividades, así como que se permita “subvencionar a compra de pequeno equipamento” necesario para o seu funcionamento, segundo indica a concelleira.
Abal reclamou ademais “que se incremente a dotación económica”, despois de que este ano “se reduciu incomprensiblemente con respecto ao ano pasado”, unha decisión que cuestionou especialmente “pese ao evidente aumento dos prezos” e ao impacto que este incremento dos custos ten tamén sobre a actividade das entidades.
Neste sentido, a concelleira socialista rematou incidindo en que o obxectivo debe ser “reducir burocracia e facilitar o traballo das nosas asociacións veciñais”, poñendo en valor unhas entidades que “realizan un labor fundamental de dinamización social e cultural nos nosos barrios” e ás que o Concello debe facilitar os recursos e as ferramentas necesarias para desenvolver a súa actividade.

