O PSdeG leva ao pleno o abandono de Amor Ruibal e esixe ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe

A concelleira socialista Marta Abal alerta do risco para a salubridade e a seguridade que supón a proliferación de maleza en dous soares situados xunto a vivendas, un instituto, un pavillón deportivo e unha residencia de maiores.

O Grupo Municipal Socialista levará unha iniciativa ao pleno para reclamar unha actuación inmediata e acabar cunha situación que leva demasiado tempo sen solución.

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno deste xoves unha iniciativa para reclamar a limpeza urxente de dúas parcelas situadas na rúa Amor Ruibal, en Pontepedriña, denunciando o estado de abandono que presentan e criticando a falta de actuación do Goberno de Goretti Sanmartín ante un problema que afecta directamente á salubridade e á calidade de vida da veciñanza.

A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que os veciños e veciñas da zona levan tempo trasladando a súa preocupación por unha situación que vai a máis. “Os veciños e as veciñas desta rúa de Pontepedriña trasladáronnos a súa preocupación pola proliferación de maleza que medra sen control”, sinalou.

A edil explicou que esta vexetación invade fachadas de edificios e accesos peonís, pero insistiu en que a principal preocupación é que “é un caldo de cultivo idóneo para pragas de ratas e insectos”, unha circunstancia que considera especialmente grave pola contorna na que se atopan os soares.

“Non se trata só dunha cuestión da imaxe de deixadez que se ofrece senón de salubridade”, subliñou Abal, lembrando que as parcelas están situadas xunto a vivendas e ao IES de Pontepedriña e moi próximas ao pavillón deportivo e a unha residencia de maiores que xa denunciou a presenza de ratas nas súas instalacións.

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista reclama ao executivo local unha intervención inmediata. “Esixímoslle ao Goberno local que adopte as medidas necesarias para garantir a limpeza inmediata destes soares e doutros da cidade que están en condicións semellantes”, afirmou a concelleira.

Para rematar, Marta Abal advertiu de que o abandono de espazos como estes non pode converterse na norma e reclamou ao Goberno municipal que actúe con dilixencia para “poñer fin a unha situación que afecta á saúde e á calidade de vida da veciñanza”.