O PSdeG esixe a Sanmartín que desbloquee xa as axudas veciñais ante un atraso “inaudito e sen precedentes”

A concelleira socialista Marta Abal denuncia que, ás portas do outono, as asociacións veciñais continúan sen saber con que fondos municipais contarán en 2026 e reclama ao Goberno local que convoque de inmediato as axudas.

O Grupo Municipal Socialista pide ademais que as subvencións de 2027 se publiquen, como moi tarde, en xaneiro para garantir ás entidades previsión, estabilidade e certezas á hora de programar a súa actividade.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que convoque de maneira inmediata as axudas municipais ás asociacións veciñais de 2026, que continúan pendentes cando “o outono xa está ás portas” e as entidades “seguen sen saber con que fondos municipais van contar este ano”.

Abal lembrou que as e os socialistas xa advertiron desta situación o pasado 1 de xullo e denunciou que, “case dous meses despois, seguimos exactamente na mesma situación: as axudas continúan sen convocar”. Para a concelleira, resulta “inadmisible” que as asociacións que precisan programar con antelación as súas actividades continúen a estas alturas do ano “sen certezas sobre os recursos dos que van dispoñer”.

Ante esta situación, a socialista reclamou directamente á alcaldesa que actúe para poñer fin ao atraso. “Pedimos á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que tome cartas no asunto e desbloquee dunha vez esta convocatoria”, afirmou Abal, quen advertiu de que “non pode poñerse de perfil ante un problema que afecta directamente ao funcionamento do movemento veciñal”.

A concelleira cualificou o atraso acumulado como unha situación excepcional e criticou a falta de planificación do executivo municipal. “O que está acontecendo este ano coas axudas é, para nós, simplemente inaudito e unha situación sen precedentes”, denunciou.

Abal incidiu na importancia que estas subvencións teñen para o funcionamento cotián do tecido asociativo compostelán, xa que se trata de “asociacións fundamentais para a vida dos barrios e das parroquias” que precisan do apoio municipal para organizar actividades culturais, sociais e de lecer e, nalgúns casos, tamén para afrontar os gastos de mantemento dos seus locais.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclama non só resolver de inmediato a convocatoria pendente deste ano, senón evitar que a mesma situación se repita en 2027. “As e os socialistas pedimos que se convoquen de maneira inmediata as axudas de 2026, pero tamén que esta situación non volva repetirse o próximo ano”, explicou Abal.

Neste sentido, os socialistas propoñen que “a convocatoria das axudas de 2027 se publique, como moi tarde, en xaneiro de 2027”, de maneira que as entidades poidan coñecer desde o inicio do exercicio os recursos dos que disporán e “planificar con antelación e certezas toda a súa actividade anual”.

“As asociacións necesitan previsión, estabilidade e certezas, e un Concello que lles facilite o seu traballo, non que llelo dificulte”, concluíu Abal.